O poder xudicial virá a Pontevedra para celebrar o seu pleno nos novos xulgados da Parda
Por Alejandro Espiño
O novo edificio xudicial de Pontevedra, inaugurado o pasado mes de setembro, recibirá este xoves 30 de xaneiro unha ilustre visita. Será a do presidente do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes, que acudirá para manter un encontro cos xuíces e maxistrados pontevedreses.
A estancia de Lesmes en Pontevedra será na súa condición de presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), xa que este órgano celebrará o seu pleno na cidade do Lérez.
Será a cuarta reunión plenaria que se celebra fóra de Madrid no actual mandato, xa que nos últimos anos tamén acudiron a Barcelona, San Sebastián e Córdoba.
Na súa reunión en Pontevedra, o presidente do CGJP estará acompañado, entre outros, polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez; e a xuíz decana, María Belén Rubido de la Torre.
Tras este encontro celebrarase no mesmo complexo xudicial, que acolle todas as unidades xudiciais de Pontevedra salvo as catro secciones da Audiencia, as reunións da comisión permanente e do pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Os membros do órgano de goberno dos xuíces desprazaranse pola tarde a Vigo para visitar as obras da futura cidade da xustiza, que se está construíndo no edificio que antigamente ocupaba o Hospital Xeral da cidade e onde serán recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.