A Policía sorprende dous ladróns que fracturaron un escaparate para roubar nun comercio
Por Redacción
A Policía Nacional detivo nos últimos días dous veciños de Pontevedra de 50 e 44 anos de idade, ambos con antecedentes policiais, como presuntos autores dun roubo con forza nun establecemento da cidade. Foron sorprendidos mentres roubaban e nese mesmo momento detidos polos axentes.
Segundo a información facilitada desde a Comisaría Provincial de Pontevedra, os feitos sucederon sobre as 5.30 horas da madrugada do domingo 19 de xaneiro. Foron uns axentes que realizaban unha patrulla de prevención da seguridade cidadá os que os sorprenderon.
Os axentes observaron dous individuos en crequenas diante dun escaparate. Un deles tiña un obxecto na man e estaba a manipular o cristal do escaparate e o outro introduciu o torso dentro do escaparate, colleu un obxecto e saíu fuxindo á carreira.
Segundo a información policial, os axentes interceptaron aos dous individuos, identificáronos e interviñéronlles un desaparafusador, unhas tesoiras, unhas luvas de látex e unha caixa dun altofalante co correspondente cargador no seu interior.
Os axentes realizaron unha inspección ocular e observaron que a lúa do escaparate estaba fracturada nunha parte. Nese momento, detiveron aos dous sospeitosos por un delito de roubo con forza e trasladáronos a dependencias policiais para identificalos.