Localizan no río Lérez o corpo dunha pontevedresa que levaba dous días desaparecida
Por Natalia Puga
Tres cidadáns localizaron na mañá deste venres nunha zona do río Lérez situada nas inmediacións do barrio de Monte Porreiro o corpo sen vida dunha muller de 47 que levaba desaparecida desde o pasado mércores 22 de xaneiro.
Os tres cidadáns eran axentes da Policía Nacional xubilados que paseaban a beiras do Lérez cando viron o corpo. De forma inmediata deron alerta á Comisaría Provincial e unha patrulla desprazouse ao lugar, pero o rescate do corpo era complicado por terra porque estaba nunha zona de difícil acceso do río Lérez, de modo que pediron a colaboración do Corpo de Bombeiros de Pontevedra.
Os bombeiros responderon o requirimento e acudiron ao lugar cunha moto acuática, logrando sacar o cadáver da auga para levalo a terra firme. A partir dese momento, fíxose cargo do mesmo a Policía Nacional e a Policía Científica.
A Policía Nacional investiga agora a causa da morte e ata que se lle practique a autopsia non descartan ningunha posibilidade, aínda que en principio, indican que non apareceron signos de que se trate dunha morte violenta. Todo apunta a que se trata dun falecemento accidental, pero haberá que esperar ao resultado do informe forense para realizar unha conclusión.
O achado produciuse sobre as 11.30 horas deste venres e, unha vez que tiveron acceso ao cadáver, os policías confirmaron que se trataba do corpo dunha veciña de Pontevedra que levaba desaparecida case dous días.
Segundo confirmaron fontes policiais, a irmá da agora falecida acudiu á Comisaría na noite do mércores, ao redor da medianoite, e relatou que saíra de casa para ir tomar un café e non regresara, de modo que estaba preocupada. Non tiñan noticia da muller desde as dúas da tarde do mércores e, xa preocupada, a súa irmá tentou contactar con ela por teléfono varias veces a partir das seis da tarde e percorreu os lugares que adoitaba frecuentar. Xa pola noite, decidiu acudir á Comisaría.