Montecelo activa un plan de continxencias ante a gripe polas protestas do persoal
Por Redacción
Este venres 24 está prevista unha protesta de persoal de Urxencias no Hospital Montecelo ante a sobrecarga de traballo que están a sufrir durante as últimas semanas, unha protesta prevista ás 11.00 horas e para a que piden a asistencia de pacientes.
Ante esta convocatoria, a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou o seu plan de continxencia da gripe 2019-20, un documento elaborado por un equipo de profesionais sanitarios pertencentes a Atención Primaria, ademais de persoal de servizos de Urxencias e Admisión do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Salnés. Tamén colaboraron os servizos de Medicina Interna, Medicina Preventiva, Pneumoloxía, Microbioloxía e Pediatría, coa coordinación de Enfermería e a achega de Prevención de Riscos Laborais.
Con todas estas colaboracións, a xerencia quere evitar as consecuencias máis graves derivadas da gripe, velando pola prevención de saturacións e para previr picos de demanda na área sanitaria.
Desta forma, poñeranse en marcha procedementos alternativos á orde normal de organización para mellorar o acceso aos servizos de Urxencias, reducindo os tempos de espera e procurando evitar o risco de contaxio intrahospitalario do virus gripal.
Segundo anuncia a xerencia abriranse áreas específicas tanto en Montecelo como o Hospital do Salnés nas unidades para o manexo dos pacientes que ofrezan síntomas de gripe. Facilitarase o acceso aos casos de persoas con febre, procurando axilizar a súa asistencia e ingreso e, no caso de que se requira, que se utilice unha máscara para evitar contaxios.
Tamén se establece un protocolo de atención dos pacientes na planta de hospitalización. Ademais, está previsto o aumento de persoal en función da demanda e a habilitación de espazos adicionais, entre outras medidas.
174 URXENCIAS DIARIAS
Segundo a dirección da área sanitaria durante este inverno están a atenderse as patoloxías en tempo e forma adecuada, en función da súa urxencia. A media de alfuencia diaria ao servizo de Urxencias en Montecelo é similar á media rexistrada en 2019 con 174 urxencias diarias.
A xerencia recoñece que se rexistran picos en determinados momentos. Afirma tamén que a maior parte das Urxencias atendidas correspóndense con pacientes pluripatolóxicos de avanzada idade, que precisan máis ingreso do habitual e que supón unha maior ocupación de camas. Neste sentido, a dirección sanitaria afirma que a demanda se atende con total garantía asistencial.
A xerencia que lidera José Ramón Gómez asegura que o Sergas reforzou con estabilidade e continuidade o cadro de persoal médico, de Enfremería, auxiliares de Enfermería e celadores nas áreas nas que se precisa como sucede en Microbioloxía onde se incorporou a un novo profesional. E sinala que durante esta época teñen reforzo permanente os servizos de Urxencias e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés.
O Sergas xustifica o incremento de asistencia a Urxencias nesta época do ano sinalando que é "habitual" ao agudizarse algunhas patoloxías crónicas en determinados grupos de poboación.
Destacan que aqueles pacientes que precisan ingreso, entre un 12 e un 15% das patoloxías que se atenden en Urxencias na área sanitaria, admítense o mesmo día. En caso de demoras "puntuais" os centros hospitalarios asumen de forma paulatina e gradual o ingreso dos pacientes.
Por último, en relación coa cobertura de Atención Primaria, o Sergas sinala que todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están a prestar servizo nos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Relacionadas:
-
RADIO.- Victoria Aldea responde as dúbidas que poden xurdir ante a gripe e a vacinación
Por Marisa Ciordia |
-
O BNG comarcal anuncia unha "ofensiva política" en defensa da sanidade pública
Por Diego Espiño |
-
O persoal de Montecelo concéntrase polos continuos colapsos de Urxencias: "Estamos desbordados"
Por Natalia Puga |
-
O persoal de Urxencias de Montecelo protestará pola sobrecarga deste servizo
Por Oskar Viéitez |
-
Pacientes e profesionais de Montecelo alertan do colapso en Urxencias
Por Redacción |