Caldas mellora o céspede do campo de fútbol de As Corticeiras
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis realizou nos últimos días unha serie de traballos para o mantemento e mellora do céspede artificial do campo de fútbol de As Corticeiras. A actuación, xa rematada, ten o obxectivo de garantir unha adecuada conservación da superficie de xogo e ofrecer as mellores condicións aos usuarios, pois segundo explicou o concelleiro de Deportes, Jacobo Pérez, o adecuado e periódico mantemento do tapete é fundamental para aumentar a súa vida útil e para garantir as mellores condicións na práctica do fútbol.
Jacobo Pérez supervisou este xoves os resultados dos traballos, que consistiron na limpeza da superficie de última xeración instalada o ano pasado e no cepillado da base de caucho. Segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, realizouse mediante maquinaria especializada.
O concelleiro destaca a aposta firme do Goberno local por estas instalacións nas que practican deporte decenas de deportistas de todas as idades e lembra que os esforzos para transformar As Corticeiras nun verdadeiro estadio continuarán neste mandato con novas actuacións como a dotación dun novo cerre perimetral na que xa traballa o Concello.
Nesta liña de actuación, recorda que nos últimos tempos se destinaron á súa mellora e transformación máis de 500.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A través deste investimento de medio millón de euros realizáronse actuacións para ampliar o terreo de xogo, renovar o céspede, construír unha nova grada e mellorar a cuberta doutra, así como instalar unha nova cantina na última fase de obras.