Portos de Galicia buscará "fórmulas" para mellorar os peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción
A día de hoxe non existe ningunha partida orzamentaria prevista para a mellora integral dos peiraos de Raxó e Covelo. Así llo recoñeceu este luns a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, ao goberno municipal de Poio. Iso si, garantiu que buscará "fórmulas" para retomar o proxecto e estudar que obras se poden acometer.
Esta foi a mensaxe que a titular de Portos de Galicia trasladou ao alcalde de Poio, Luciano Sobral; o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís; e a edil de Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz, que lle reclamaron que se retome esta demanda histórica dos veciños.
A reunión fora solicitada previamente polo tripartito, dando así cumprimento ao acordado na última comisión de seguimento destes proxectos e nela tamén estiveron presentes Celestino Pérez e Cándido Dasilva, como representantes dos colectivos de Raxó e Samieira.
O goberno municipal de Poio reiterou que a realización destas obras "é algo ao que non podemos renunciar", recordando que foron comprometidas por parte de Portos de Galicia hai máis dunha década, concretamente no ano 2009.
As actuacións, encamiñadas a rehabilitar estes espazos e dotalos de novos servizos, prevían un desembolso duns catro millóns de euros aproximadamente.
Nesta reunión, os dirixentes municipais advertiron de que varias das obras que se contemplan nestes proxectos son "moi necesarias e urxentes", entre elas o vial do peirao de Raxó, que se atopa nun estado "moi deficiente" e que xa tivo que ser reparado en varias ocasións.
Tanto este espazo como o de Covelo, reiteraron desde o tripartito, son dous ámbitos "moi frecuentados" polos veciños e veciñas de Poio e ademais reciben a un gran número de turistas durante o verán ou Semana Santa.
A presidenta de Portos de Galicia, que tomou posesión do cargo en xullo de 2019 en substitución de José Juan Durán, confirmou que visitará os dous peiraos para coñecer de primeira man a súa situación, segundo trasladan desde o Concello.
Relacionadas:
-
Reclaman a Portos de Galicia que cumpla os seus compromisos con Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
O Concello convoca á comisión de seguemento dos peiraos de Raxó e Covelo tras a reunión con Portos
Por Redacción |
-
Lembran á Xunta a "importancia capital" da realización dos proxectos dos peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Poio convoca á comisión de seguimento dos peiraos de Raxó e Covelo
Por Oskar Viéitez |