Alumnos do CEIP Ponte Sampaio aprenden sobre terapia con animais da man de Yacarán
Por Sara Iglesias
O pasado mércores 15 de xaneiro, os alumnos de 3º, 4º, 5º, e 6º de educación primaria do CEIP Ponte Sampaio recibiron a visita da organización de terapia asistida con animais Yacarán, que impartiu un taller de educación en valores sobre a terapia con animais.
O taller empezou coa presentación dos cans de terapia e as súas características, cunha breve explicación sobre o labor que estes cans realizan e unha charla introductoria sobre as normas de comportamento.
O obxectivo era que os pequenos comprendesen que todos os seres son únicos. Para iso, traballaron no chan buscando o contacto e a proximidade cos animais, coñecendo así os valores que Yacarán quere transmitir: solidariedade, traballo en equipo e respecto. Por iso, tanto o saúdo como a despedida fíxose en silencio, empregando a linguaxe de signos para non alterar aos cans.
Ao final da sesión, todo o alumnado participante quedou moi satisfeito, xa que aprenderon sobre os animais, os seus coidados, os valores que representan e o respecto que merecen.