O submarino "Tramontana" visita Marín no seu periplo galego
Por Redacción
O vindeiro mércores 22 de xaneiro, fará escala na Escola Naval Militar o submarino "Tramontana", tras finalizar os exercicios navais MAR-31 en augas do norte peninsular.
O "Tramontana" estará na Ría de Pontevedra ata o 25 deste mes. O vindeiro venres día 24, en horario de 15:00 a 19:30 horas, terá lugar unha xornada de portas abertas na que se poderá visitar o submarino.
Durante a súa estancia en Marín, o submarino aproveitará para participar na formación dos futuros oficiais da Armada con diversas actividades en porto e na mar, co obxectivo de que os alumnos desta escola poidan coñecer de primeira man como son estas plataformas e poidan elixir esta posibilidade de servizo dentro das Forzas Armadas.
O submarino "Tramontana" é o cuarto barco da clase Galerna, unha serie de catro submarinos (Galerna, Siroco, Mistral, Tramontana) construídos en Cartaxena pola empresa nacional Bazan, agora Navantia, a mediados dos anos oitenta. Na actualidade, tres destas catro unidades continúan en servizo e representan a capacidade submarina de España.
O "Tramontana" fixo a súa primeira inmersión o 30 de novembro de 1984. A pesar de ser unha plataforma veterana, as diferentes modernizacións que se efectuaron a bordo, en especial en soares, comunicacións satélite e periscopios, fan deste submarino unha plataforma eficaz que realiza con garantías as actuais misións que teñen lugar nos novos escenarios en augas litorais.
Os submarinos da clase Galerna participaron en numerosas manobras internacionais e misións.