Emerxencias de Sanxenxo atendeu un total de 479 incidencias ao longo do ano pasado
Por Redacción
O Servizo Local de Xestión de Emerxencias Sanxenxo realizou ao longo do ano pasado un total de 479 intervencións, relacionadas con salvamento e rescate, as vías públicas e os accidentes, os incendios, e os danos causados por auga e outros riscos. Ao total de intervencións habería que sumarlle as actuacións en niños de velutina, que se contabilizan noutro rexistro.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, este servizo de emerxencias participou nun total de 102 incendios de diferentes tipoloxías (33 forestais, 27 urbanos, 10 en vehículos, etc.) Ademais, os profesionais do servizo actuaron en 85 accidentes de tráfico.
Destacan tamén as 125 intervencións en riscos, como son recollidas de árbores, postes e cables, elementos estruturais, mobiliario urbano, etc. E os 26 rescates, (21 en contorna urbana, 3 no mar e 2 no rural ao aire libre).
O servizo municipal de Protección Civil constituíuse en 1994 evolucionando co tempo ata converterse nun servizo completamente profesionalizado "integrado por un persoal de persoas preparadas e equipadas para xestionar todas as emerxencias que poidan ocorrer dentro do noso termo municipal", destaca o Concello.
Na actualidade o servizo conta cun apartado de prevención e actuación en emerxencias e outro de salvamento e socorrismo en praias, durante a tempada estival.