Marín pide fondos do Xacobeo para financiar actividades de promoción do patrimonio
Por Redacción
O Concello de Marín solicitará unha subvención do programa 'O teu Xacobeo', impulsado pola Axencia de Turismo de Galicia, para dúas actividades culturais que supoñen promocionar o patrimonio, unha de longo percorrido na vila marinense e outra que tamén supón unha importante cita para os apaixonados do patrimonio cultural.
Así, a Xunta de Goberno local da pasada semana acordou solicitar 7.082.29 euros (IVE incluído) ao abeiro deste programa para a celebración da edición do 2020 das Xornadas Blanco Freijeiro, a cita máis importante do ano na vila con respecto á arqueoloxía, á historia e ao patrimonio.
O resto do financiamento que se lle solicitará á Axencia Galega de Turismo, un total de 4.731,51 euros (IVE incluído), estará destinado ás Rutas Culturais de coñecemento do patrimonio cultural de Marín, unha serie de roteiros cos que coñecer as xoias patrimoniais do municipio e que supoñen un importante atractivo turístico da vila.
Esa mesma Xunta de Goberno tamén acordou pedir de novo unha achega económica para o apoio, a promoción e a difusión de cara á edición deste ano da Festa de San Miguel e a súa Danza de Espadas, xa que se trata dunha Festa de Interese Turístico de Galicia.