Campolongo prepárase para apadriñar a 300 'littles' este sábado
Por Redacción
Dende as 9:30 da mañá ata as 21.00 horas da noite, este sábado 20 as pistas de Campolongo acollerán a cuarta edición de "Apadriña un little", un evento organizado por mozos da zona en colaboración coa concellería de Xuventude.
Nesta ocasión, as actividades comezarán co torneo de baloncesto 3 x 3 ao que se apuntaron 24 equipos. O torneo desenvolverase durante todo o día. Tamén se celebrará un campionato de skate, cons inscrición gratuíta.
Doce escritores urbanos, procedentes de Pontevedra, Ourense, Santiago e Barcelona realizarán unha exhibición de graffitis. Pero non será a única exhibición porque afeccionados de Vigo e A Coruña realizarán un percorrido acrobático pola cidade na modalidade de fixies (bicicletas sen freos).
Mozos de Galicia e tamén de Granada serán os protagonistas da batalla all styles, con distintas mostras de estilos relacionados co hip hop.
Haberá diferentes premios para os gañadores de cada unha das competicións e a organización espera reunir máis de 300 participantes.