Os socialistas denuncian os "pírricos" recursos de Augas de Galicia para limpar os ríos
Por Redacción
A xestión de Augas de Galicia na limpeza dos ríos da provincia e a prevención de inundacións é "ridícula", segundo o PSdeG-PSOE, que denuncia que este organismo dependente da Xunta concentra os seus "escasísimos" traballos en ríos dos concellos onde goberna o PP.
Os socialistas pontevedreses aseguran ter constancia de que Augas de Galicia só dispón nestes momentos dunha brigada para atender os ríos da provincia de Pontevedra incluídos na demarcación Galicia Costa.
"Cunha pírrica brigada composta por catro persoas é imposible prestar un servizo axeitado", aseguran.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra, David Regades, lamenta que ata o pasado outono só se tiveran realizado 20 actuacións de limpeza preventiva en 36 tramos interurbanos de ríos e regatos, a meirande parte en tramos moi pequenos, e que non se priorizaran as áreas con risco potencial significativo de inundación.
Regades explica que o único paso "realmente significativo" dado pola Xunta este ano foi "desfacerse" de 300 quilómetros de rede fluvial alegando que se trata de tramos urbanos, transferindo as competencias aos concellos a través dunha simple instrución.
"E, por suposto, como é norma da casa, sen dotar aos concellos dun só euro, a pesar de que son plenamente sabedores que no municipalismo galego e pontevedrés hai moitos concellos que carecen dos recursos necesarios para asumir tal encomenda", engaden os socialistas.