Así será o novo parque urbano do barrio de Mollabao
Por Redacción
O barrio de Mollabao contará a partires de 2020 cun novo parque urbano debaixo da ponte da autoestrada AP-9, entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar, grazas a un proxecto no que Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, investirá 47.572 euros.
A actuación suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade da praciña situada entre a parada de autobuses e o circuíto de educación vial, incluíndo a creación dunha zona de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan.
O proxecto o plan asinado por Manuel Fontán, xefe do Servizo de Parques e Xardíns, prevé converter a futura zona verde nun lugar de encontro da veciñanza (algo demandado polos habitantes do barrio), optimizando a súa capacidade de acollida coa instalación de distintos tipos bancos e bancadas en madeira e pedra. Asemade, mellorarase a comunicación coa contorna, facilitando a mobilidade neste espazo mediante camiños de acceso adaptados, e en particular a conexión entre a rúa Rosalía de Castro e a Casa do Mar.
Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes a proposta do seu departamento plantexa a creación "dun espazo verde cos valores estéticos propios dun parque moderno, que por estar cuberto pola ponte da autoestrada, permitirá diversos usos en día de choiva, e que estará dotado dunha fermosa composición a nivel de xardinería e dunhas instalacións de rego que facilitarán a súa axeitada conservación".
No que atinxe a mobiliario haberá zonas de banco corrido, diversos bancos circulares e unha zona de bancada, todos eles realizados en obra, con asento de madeira. O pavimento de parte da praza realizarase mediante formigón cun acabado de tonalidades que axude á comprensión dos diversos usos no espazo: xogos, tránsito, reunión da veciñanza, descanso...
No linde do parque cara a rúa Rosalía de Castro crearase unha pequena grada para ser utilizada como espazo de reunión ou para diversa actividade social. Do mesmo xeito, contémplase a creación dunha rampa de carácter accesible que facilitará o tránsito á nova zona verde e mellorará a comunicación peonil coa Casa do Mar.
Iván Puentes lembra que os terreos onde se ubicará o futuro parque urbano de Mollabao "son de carácter público, afectados pola autoestrada AP-9, polo que será necesaria a obtención das pertinentes autorizacións con anterioridade á súa execución".
O concelleiro sinalou que o proxecto ten un prazo de execución previsto de tres meses, "polo que o noso obxectivo é que poida ser realidade para o vindeiro ano".
Relacionadas:
-
Parques e Xardíns restaura os bancos e o valado do regato de Mollabao
Por Redacción |
-
Novas árbores para San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal e Peregrina
Por Redacción |
-
O Concello negocia con Costas a cesión de terreos en Ponte Sampaio, Mollabao, Malvar e na contorna do Pavillón
Por Redacción |
-
Comeza a limpeza integral do regato de Mollabao e a contorna da Casa do Mar
Por Redacción |