Os tres porquiños e o rexeitamento para construír en madeira
Por Oskar Viéitez
A facturación de sector forestal galego ascendeu en 2018 ata os 2.300 millóns de euros, un 2% máis que en 2017; e o emprego medio na cadea aumentou un 4,8%, con case 22.000 asalariados directos. Así o indica o informe "A cadea forestal-industria de Galicia 2018", elaborado recentemente polo director da Escola de Enxeñería Forestal do Campus de Pontevedra, Juan Picos.
A radiografía do sector forestal elaborada por este profesor pontevedrés mostra como os índices de produción da industria da madeira, do papel e do moble evolucionan, nos tres casos, mellor que a media española. Pero non ocorre o mesmo coa construción de inmobles.
Unha das razóns deste último comportamento atópase nos falsos mitos sobre os perigos deste material en caso de lume ou humidade.
A Forest Stewardship Council, unha organización internacional sen ánimo de lucro, di que a culpa é do conto dos tres porquiños. No que o lobo soprando derrubou as casiñas de palla e de madeira, e só resistiu a de ladrillo. Aí aniñan moitos tópicos e prexuízos cara á construción con madeira.
Con todo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mostrouse optimista e nun acto celebrado en Pontevedra anunciou que a Xunta aposta por abrir novas liñas de negocio para a industria forestal vencelladas á economía circular e á bioeconomía.
Isto débese a que os novos tempos de sustentabilidade que corren, aliados con novas tecnoloxías, están a dar savia nova á madeira como material propicio para a arquitectura. É sustentable, é reciclable, é rendible, é cálida e, en contra do que puidese pensarse, nin se queima nin podrece facilmente. Ademais, é unha excelente ferramenta na loita contra a crise climática. Presenta unha menor pegada ecolóxica, cun balance de enerxía de produción e emisións de gases de efecto invernadoiro inferior ao doutros materiais.
Neste sentido Juan Picos cre que a innovación é básica e asegura que "estamos nun escenario onde van xurdir novos produtos" no que "todo o desenvolvemento da enxeñería de materiais vai ser susceptible de ser aplicado á madeira". Neste sentido avoga porque "do mesmo xeito que fixemos co plástico, aprenderemos a modificar as moléculas da madeira para obter materiais como bioplásticos cos que dar resposta ás demandas dunha sociedade cada vez máis preocupada pola ecoloxía e o medio ambiente".
Apunta o profesor que noutros países a industria química está a asumir o reto de fabricar cousas a partir da madeira e non do petróleo. Por iso é polo que chama a atención sobre a importancia que adquirirá a madeira na construción, no sector téxtil para prover tecidos de orixe vexetal ou nas embalaxes para a substitución do plástico.
De momento a Xunta puxo en marcha cun total de 54 millóns de euros a Axenda de Impulso dá Industria Forestal 2019-2021, que impulsa a construción de edificios "completos" con madeira, entre os cales tamén se situan vivendas públicas, centros sanitarios e educativos.