Denuncian a Tomás Fole por prevaricación e trafico de influencias polas obras dun recinto de pádel
Por Redacción
Prevaricación e tráfico de influencias. ÿ o que cometeu, segundo considera o PSdeG-PSOE, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole. Así se recolle na denuncia que presentaron os socialistas nos xulgados da capital arousana. Acúsano de ambos delitos por non paralizar as obras dun recinto de pádel que se está construíndo en terreos do Porto, "aínda recoñecendo públicamente que era coñecedor de non tiñan a perceptiva licenza municipal".
A portavoz do PSdeG-PSOE, Tania García, recorda que o grupo municipal socialista alertó hai unha semana que as obras de construción das pistas de pádel de O Cavadelo comezaran sen que existise ningún tipo de licenza, polo que solicitaron por escrito no concello a paralización das mesmas a instancias da Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do medio rural de Galicia.
Os socialistas recordan que o goberno municipal emitiu un comunicado no que recoñecía que "as obras de preparación do terreo sobre o que se pretenden instalar as pistas de pádel comezaron sen licenza" aínda que esta atópase en "fase de tramitación". Nel sinalábase que o goberno local non se plantexaba ordenar a paralización das obras xa que estas instalacións "supoñen un bo investimento para o porto e para a cidade".
Ante o coñecemento dunha "ilegalidade sobre a que o alcalde ten o deber de intervir, pero non o fai", os socialistas de Vilagarcía presentaron esta denuncia xudicial por prevaricación, ao que engaden tráfico de influencias porque consideran que coa postura municipal quedou clara "a intencionalidade do alcalde de favorecer unha empresa concreta vulnerando a lexislación".
Na súa denuncia, o PSdeG-PSOE asegura que Tomás Fole intentou no seu día ceder unha parte do pabellón ferial á mesma empresa que agora constrúe as pistas no porto para levar a cabo o proxecto do centro de pádel no recinto Fexdega. Tras varios intentos frustrados e un concurso declarado deserto o Patronato feiral rexeitou tal cesión.
Pero segundo os socialistas, o rexedor popular seguiu ata conseguir que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía cedese "en moi ventaxosas condicións" unha parcela na que poder construír o centro deportivo, parcela na que a pasada semana iniciáronse as obras.