Na segunda quincena de decembro ábrese o prazo para solicitar unha horta urbana en Sequelo
Por Redacción
O Concello de Marín continúa co proxecto de fomentar o uso de Hortas Urbanas Ecolóxicas como alternativa de lecer saudable para a veciñanza da vila que teña interese pola agricultura tradicional. Esta iniciativa desenvólvese desde 2012 na zona posterior do pavillón de Sequelo, con gran participación cidadá.
Cada persoa realiza un cultivo individual da parcela de terra adxudicada coa prohibición de empregar algún elemento químico, fitosanitario, herbicida ou abono artificial.
Este ano ábrese un novo concurso para aquelas persoas interesadas en conseguir algunha destas hortas. Agora a cesión do terreo amplíase a catro anos, cando ata o de agora era tan só unha adxudicación por un período de dous.
As 71 parcelas dispoñibles repartiranse ofrecendo 40 para persoas xubiladas ou pensionistas; 15 para persoal en paro que non reciba prestación por desemprego; 12 para a veciñanza en xeral. Ademais, se ofecen catro hortas para persoas con discapacidade superior ao 33% ou que demostren intolerancias químicas.
Ante a excesiva demanda, o Concello decidiu que só se admita unha solicitude naqueles casos que teñan o mesmo domicilio de empadroamento. A adxudicación realizarase por sorteo entre as solicitudes presentadas a cada grupo.
O 16 de decembro ábrese o prazo de presentación e será necesario achegar no Rexistro Xeral do Concello, situado na avenida de Ourense, unha instancia solicitando formar parte da convocatoria; unha fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia; o volante de empadroamento que demostre que é residente en Marín durante polo menos dous anos. Segundo a categoría tamén será necesario o documento acreditativo de atoparse en situación de desemprego e non percibir prestación algunha; o documento que demostre a xubilación e o que acredite unha prestación de discapacidade como única fonte de ingreso, un documento do grao de discapacidade ou o informe médico de intolerancia química.
O prazo para presentar as solicitudes finalizará ao peche do rexistro o venres 3 de xaneiro. O sorteo levará a cabo o 10 de xaneiro nas dependencias municipais a partir das 12.00 horas.
Relacionadas:
-
O Concello adxudica as hortas urbanas e ecolóxicas do Sequelo
Por Redacción |
-
Dezaoito hortas urbanas de Sequelo quedan sen adxudicar por falta de solicitudes
Por Redacción |
-
Marín amplía ata o 20 de xaneiro o prazo para optar a unha horta urbana
Por Redacción |
-
As 71 hortas urbanas de Marín, por sorteo
Por Redacción |