Máis de 100 cans participarán na III Exhibición Canina de Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas acolle esta fin de semana a III Exhibición Nacional e Internacional Canina, organizada polo Kennel Club España.
Será o sábado 7 e o domingo 8 a partir das 10.00 horas, e conta coa colaboración do Concello.
O sábado será o campionato nacional e tamén se escollerá o 'Bulldog do ano do 2019', categoría na que participarán doce exemplares e na que se determinará o mellor can desta raza.
O domingo, a partir das 10.00 horas, chega o prato forte coa Competición Internacional, proba puntuable para os campionatos de España e Internacional, na que participarán razas como mini aussie ou american bully, uns exemplares moi cotizados que lle aportarán máis prestixio ao certame, pois ámbalas dúas razas contan con competicións específicas que fan moi difícil a súa presenza en exhibicións.
O evento, que terá lugar no Pavillón Municipal de Chan da Barcia, é a única exhibición que organiza o Kennel Club en Galicia. Este ano entre o xurado estará o recoñecido xuíz italiano Stefano Bartolini, que axudará na difícil tarefa ao resto dos membros da mesa.
A proba de Ponte Caldelas é puntuable para os campionatos de Europa, de España e de Galicia e outórgase un punto en cada un deles para os gañadores de cada raza.