Chaman ao "feminismo organizado" a manifestarse en Pontevedra contra o patriarcado e o capital
Por Redacción
As responsables do centro social feminista O Quilombo fixeron este mércores en rolda de prensa un chamamento a participar na manifestación do vindeiro luns 25 de novembro, día internacional contra as violencias machistas baixo o lema "Contra o patriarcado e capital, feminismo organizado".
Adhírense a esta xornada de mobilización e resposta feminista as súas compañeiras de Galiza Nova e as do Colectivo Feminista Pontevedra.
A manifestación sairá o luns 25 da Praza da Peregrina ás 20.30 horas co seguinte percorrido: Peregrina, rúa Blanco Porto para volver por Benito Corbal, baixar por Cobián Rofignac, entrar na zona vella por Sarmiento e subir pola Praza da Leña até chegar á Peregrina de novo.
Sairá o luns 25 da Praza da Peregrina ás 20.30 horas
Co lema desta convocatoria pretenden "situar a orixe e os principais responsables das continuas e sistemáticas violencias que sufrimos as mulleres: o patriarcado e o capitalismo".
Tamén ven necesario "fuxir do terror mediático e da vitimización que os medios de comunicación reproducen no tratamento informativo das agresións, abusos e asasinatos machistas e apostar, con máis forza que nunca, por un feminismo organizado e combativo desde os movementos sociais, con capacidade de resposta na rúa perante os ataques que abofé virán sobre todo de partidos fascistas e de extrema dereita".
Finalmente dende O Quilombo sinalan que "se queremos construír e loitar por unha sociedade igualitaria, libre de violencias e desigualdades, non podemos dar nin un paso atrás".
Ás 20:00 horas, tamén na Peregrina, haberá unha concentración dun colectivo feminista de nova formación que se unirá posteriormente á manifestación convocada.
Relacionadas:
-
Unión feminista no 25-N: "as redes que se están a tecer desde o feminismo son imparables"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
"Tolerancia cero" en Pontevedra para que a violencia machista "non siga actuando impunemente"
Por Alejandro Espiño |
-
Un berro ben alto contra o "terrorismo machista"
Por Redacción |
-
Presentan en sociedade unha nova asociación feminista: 'Comando Mazá'
Por Redacción |
-
Duros reproches entre gobierno e oposición a conta da violencia machista
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontevedra sae á rúa contra a sentenza da Manada de Manresa: "Non é abuso, é violación"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |