Sesión solidaria de zumba na Universidade
Por Redacción
A universidade de Vigo organiza o día 28 de novembro unha xornada solidaria de zumba no Pavillón Universitario aberto a toda a cidadanía en beneficio do comedor dos Franciscanos de Pontevedra. O único condicionante para participar na actividade, prevista entre as 19.30 e as 21 horas, é achegar un quilo de alimentos non perecedoiros.
Esta iniciativa, que alcanza xa a décimo sétima edición, adianta a súa celebración, antes coincidía coas datas de Nadal, para facilitar a participación dun maior número de persoas e evitar a coincidencia coa época de exames. A intención dos organizadores é superar os 350 quilos.
Doutra banda, a área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade promove estes días actividades deportivas de carácter gratuíto para os universitarios como bádminton, defensa persoal e xogos colectivos.