Entregan os Premios Ernestina Otero a escolares: "De vós depende que teñamos unha sociedade igualitaria"
Por Anxo Lourido
O Teatro Principal acollía este xoves un acto no que se entregaban os premios Ernestina Otero Sotelo destinados á comunidade educativa de infantil, primaria e secundaria.
Paloma Castro, concelleira de Igualdade, foi a mestra de cerimonias neste acto no que lembraba aos escolares que é necesario abrir os ollos a estas idades para indicarlles que a violencia machista non se circunscribe a unha labazada senón que pode visibilizarse a través de insultos, faltas de respecto ou control de móbiles.
Os premios desta edición foron no apartado de educación infantil e primaria para o CEIP San Martiño, no que se realiza unha mirada sobre as pioneiras pontevedresas destacando o traballo de mulleres científicas do municipio.
En secundaria, o primeiro premio levábao o IES Luís Seoane, co proxecto 'Restablecendo a Educación' no que se analizan situacións cotiás que normalizan micromachismos. Neste traballo ofrécese unha mirada crítica á prostitución, á pornografía e ao modelo de amor romántico. O segundo premio recaeu no Colexio Calasancio con 'Radio Ponte Lila', no que se tratan cuestións sobre igualdade, violencia de xénero e micromachismos.
"De vós depende que teñamos unha sociedade igualitaria", afirmou Paloma Castro dirixíndose ao alumnado e profesores que asistían a este acto lembrando a necesidade de que se eduque en igualdade a través do máximo respecto á liberdade individual e á da xente coa que se establece relación.
Neste sentido, a concelleira avanzou que se desenvolverá unha unidade didáctica nos centros educativos baseada no libro 'Invisibles' da escritora Montse Fajardo, que asistía a este acto, con motivo da campaña do 25 N. Este libro recolle historias de mulleres maltratadas e transmite verdade, indicou Castro.
Tamén se ofreceu o vídeo da segunda parte da campaña 'Sen o meu si, non', dirixido ao público xuvenil no que se alerta sobre as violacións en cita e a situación das redes sociais.
A concelleira afirmaba que segue sorprendendo que a violencia de xénero continúe en aumento entre a poboación xuvenil a pesar das campañas que se desenvolven desde a administración e nos centros educativos.
O acto que finalizou coa actuación da actriz e poeta Baia Fernández, que realizaba un monólogo sobre a igualdade, contou coa presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba; do inspector de educación en Pontevedra, José María Alén; ademais de diversos concelleiros da corporación como Yoya Blanco; Carmen Fouces, Demetrio Gómez e Goyo Revenga.
Relacionadas:
-
Unanimidade nos Premios Ernestina Otero Sestelo aos proxectos educativos con perspectiva de xénero
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
"Ogallá que falar sobre violencia machista fora unha historia de ciencia ficción"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Deputación súmase á Universidade de Vigo para fomentar vocacións científicas entre as nenas
Por Oskar Viéitez |
-
O municipio xa viste de negro contra a violencia machista
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
33 denuncias por violencia de xénero na provincia durante a primeira quincena de novembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O CIM, "saturado" ante o incremento "importante" de casos de violencia machista
Por Alejandro Espiño |