Cerdedo-Cotobade acomete a remodelación integral do acceso á praza e ao local social de Viduído
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar o proxecto de remodelación integral do acceso á praza e ao local social do lugar cerdedense de Viduído, que se atopaba en malas condicións, con terra compacta e zahorra solta, e que agora conta cunha nova pavimentación e medidas favorecedoras da escorrentía das augas.
Nesta aldea, e ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, procedeuse a dotar a toda a contorna do centro veciñal dunha nova pavimentación, con 12 centímetros de groso, en seis treitos consecutivos que contan conxuntamente cunha superficie global de 418 metros cadrados.
Así mesmo, e para garantir a súa durabilidade, completouse coa instalación previa de mallazo metálico para favorecer o seu axeitado asentamento e con xuntas de dilatación.
Deste xeito, dase continuidade ao ciclo de investimentos nesta aldea, que recentemente beneficiouse da creación dun gran pastizal con tarefas de rozado e sementado impulsadas pola Consellería de Medio Rural, coa construción dunha nova captación de auga potable para garantir o subministro e abastecemento e coa limpeza e reparación do seu antigo lavadoiro, que comezaba a mostrar sinais de deterioro.
O rexedor local amosou a súa satisfacción polo resultado final do remozado acceso á praza e ao local social, "xa que agora si que presenta unhas condicións inmellorables de mobilidade" para favorecer o tránsito dos veciños.