Unha moza de 15 anos, ferida nunha saída de vía en Cambados
Por Redacción
Unha moza de 15 anos de idade e veciña de Caldas tivo que ser evacuada e trasladada ao Hospital do Salnés por unha unidade do 061 tras sufrir un accidente na madrugada deste sábado.
A moza viaxaba cun mozo de 20 anos, veciño de Vilagarcía, que conducía o vehículo. Por causas que aínda están por determinar, o turismo saía da vía cando circulaba pola PO-300 á altura da parroquia de San Vicente de Oubiña, no municipio de Cambados.
Os servizos de emerxencia tiveron constancia da alerta do accidente ás 01.36 horas.
O turismo, tras saír da estrada, remataba sobrepasando a beirarrúa para caer nun viñedo dunha leira da localidade, debido ao impacto os sistemas de protección do airbag saltaban.
A moza ferida queixábase de dor cervical e torácica. Ao lugar acudiron os integrantes do servizo de Protección Civil.