Dentistas de Pontevedra realizarán en novembro revisións gratuítas a mulleres embarazadas
Por Redacción
Apenas unha de cada dez embarazadas acoden ao dentista durante a súa xestación, a pesar dos cambios fisiolóxicos que experimenta o seu corpo. Por iso, o Colexio de Dentistas de Pontevedra sumouse a unha campaña nacional que ofrecerá en novembro revisións gratuítas a mulleres embarazadas.
As revisións nas clínicas participantes concertaranse a través da páxina www.saludoralyembarazo.es, onde se poden consultar as clínicas adheridas a esta iniciativa, organizada polo Consello Xeral de Dentistas e a Fundación Dental Española.
Todas as clínicas incorporadas á campaña realizarán revisións bucodentais gratuítas ás embarazadas que o desexen.
Durante esta fase de xestación, a muller experimenta cambios fisiolóxicos importantes, mesmo na cavidade oral, que poden afectar á súa saúde bucodental e ao propio embarazo, por iso é tan importante a visita ao dentista.
Os especialistas insisten en que os tratamentos dentais son seguros para a nai e o bebé. Por tanto, ademais de prestarlle os coidados dentais necesarios, esta etapa resulta moi adecuada para educar á embarazada en saúde oral.
Os nenos nados de nais cunha pobre saúde oral e altos niveis de bacterias carioxénicas na saliva tamén corren o risco de padecer carie, a enfermidade infantil máis prevalecente a pesar de ser previble, sinala o Colexio de Dentistas.
De cara ao embarazo, os dentistas recomendan deixar de fumar e manter sans dentes e enxivas, xa que a patoloxía periodontal pode propiciar un parto prematuro e baixo peso ao nacer. Ademais, existe a posibilidade de transmisión bacteriana pola saliva da nai ao neno.
A embarazada que experimenta vómitos matutinos ou refluxo gástrico, engaden os expertos, atópase nun alto risco de padecer erosión dental e moitas mulleres poden desenvolver patoloxía periodontal durante o embarazo debido aos cambios hormonais, polo que recomendan tratala canto antes.