Rouban dous Seat León en Pontevedra con apenas cinco días de diferenza
Por Redacción
Os Seat León FR parece que se converteron nun coche bastante desexado polos ladróns. Desde hai anos encabezan as clasificacións de vehículos subtraídos en España e, na cidade de Pontevedra, tamén se rexistraron varias subtraccións. As últimas, hai apenas dez días.
Dous modelos deste coche foron roubados en senllos puntos da cidade con só cinco días de diferenza: un na zona da Parda e o segundo na avenida de Vigo.
O primeiro deles, un Seat León FR de cor gris, ten a matrícula 9397 CYG. Desapareceu o pasado 17 de outubro, segundo confirma a PontevedraViva o seu dono.
Denunciou o seu roubo ante a Policía pero, ao mesmo tempo, tamén solicita a colaboración cidadá para tratar de averiguar o seu paradoiro. Sospeita que poida ser utilizado para cometer algún atraco ou aluaxe, como adoita ocorrer con este tipo de vehículos.
De feito un coche similar ao seu foi usado hai uns días nun roubo en Melide (A Coruña), aínda que as autoridades descartaron que sexa o desaparecido en Pontevedra.
O outro coche roubado, que foi subtraído o 22 de outubro, desapareceu na avenida de Vigo. É un vehículo do mesmo modelo e do mesmo ano (2004), aínda que de cor negra. A matrícula, neste caso, é 3924 CVJ. O seu propietario tamén agradece calquera información sobre o seu paradoiro.
Se alguén coñece algún detalle que poida axudar con esta investigación, poden poñerse en contacto coa Policía Nacional.