A Garda Civil de Cambados múdase ao centro social da Merced á espera dun novo cuartel
Por Redacción
Os problemas estruturais que rexistran as dependencias actuais da Garda Civil en Cambados obrigou ás autoridades a buscar un lugar alternativo para o seu cuartel. Así, tras o acordo co Concello, o instituto armado mudarase ao centro social da Merced.
Así se acordou tras unha xuntanza celebrada en Cambados á que asistiron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, a alcaldesa Fátima Abal e o coronel da comandancia de Pontevedra, Simón Venzal, entre outros.
Os problemas foron descubertos tras as obras de adecuación que realizaba a Deputación, tras a firma dun convenio coa Garda Civil. Dende ese momento e tras unha inspección do servizo de arquitectura do instituto armado decidiuse que se tiña que buscar unha localización alternativa mentres se procedía a construción dun novo inmoble.
O traslado ao centro social, cedido polo Concello, farase á máxima brevidade unha vez que se rubrique o protocolo de cesión de uso de este inmoble.
Con todo, o Ministerio do Interior traballa xa nun proxecto para construír as novas dependencias da Garda Civil en Cambados, que estará no mesmo solar que o cuartel actual.
Terá un investimento de case seis millóns de euros e unha capacidade futura para acoller a preto de cen efectivos entre os que haberá axentes dos servizos de intervención de armas, Seprona, violencia de xénero ou a policía xudicial, segundo explicou Maica Larriba.
A subdelegada engadiu que con esta solución temporal e a construción do novo cuartel a Garda Civil manterá a súa presenza en Cambados e en toda a comarca do Salnés.