Cae parte do arco da escultura de Teucro do auditorio de Afundación
Por Redacción & Cristina Saiz
Susto en Pontevedra. Parte do arco da icónica escultura de Teucro que coroa o auditorio de Afundación desprendeuse e caeu sobre a rúa. Foi sobre as once da mañá e, por sorte, o fragmento que se precipitou cara o chan non alcanzou a ningunha persoa.
O suceso, que xerou un enorme balbordo na cidade, tampouco causou danos materiais nos vehículos aparcados nas inmediacións.
Os bombeiros de Pontevedra acordoaron parte da rúa Augusto González Besada e da praza de San José ante o risco de novos desprendementos.
Durante uns vinte minutos, os bombeiros examinaron a peza escultórica usando unha escaleira mecánica para chegar á súa altura. Revisaron tanto a base da estatua como a parte do arco que se desprendeu para comprobar o seu estado e descartar novas caídas.
Tras completar a revisión tomaron a decisión de retirar a parte do arco que non se desprendeu, ao entender que había certo risco de que eventualmente tamén caera.
Ao lugar tamén se desprazaron efectivos da Policía Local, que cortaron o tráfico nas inmediacións e ampliaron o perímetro de seguridade. Ademais, acudiu unha ambulancia do 061 que non tivo que intervir.
Persoal de Afundación tamén colaboraron no dispositivo xa que, inicialmente, balizaron o acceso ao centro cultural para evitar que ninguén se achegase ao edificio.
Tras esta primeira intervención, o Concello solicitou da entidade propietaria do inmoble un informe sobre os materiais utilizados na escultura co fin de determinar a súa seguridade no actual emprazamento e, no caso de ser pertinente, esixir responsabilidades polo incidente.
O departamento municipal de Arquitectura está ademais a analizar os materiais utilizados na escultura de Teucro, co obxecto de determinar se a permanencia desta estatua neste emprazamento podería implicar risco de novos desprendementos.
A escultura de Teucro é obra do artista compostelán Cándido Pazos e representa ao que, segundo a lenda, foi o fundador da cidade de Pontevedra.
A figura, construída en bronce, de seis metros de alto e dúas toneladas de peso, coroa o edificio desde a súa remodelación, realizada polo arquitecto César Portela e inaugurada en xullo de 2006. Orixinalmente, este edificio era a sede central da Caixa de Aforros de Pontevedra e a súa construción remóntase a 1944.