Datos positivos no sector turístico en setembro "pese á choiva"
Por Oskar Viéitez
O sector turístico da provincia provincia de Pontevedra acadou este pasado mes de setembro unha ocupación media do 64%, segundo o dato facilitados este venres pola presidenta da Deputación, Carmela Silva que o valorou coma "moi positivo" xa que "pese a choiva", segundo dixo, reflicte que "seguimos a ser un destino turístico de referencia e ter un gran atractivo a nivel nacional e internacional".
Pontevedra "é a provincia galega onde máis medra o turismo" segundo o estudo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que se asenta en enquisas "cun nivel de confianza do 95% e un marxe de erro do 5,15%".
Por comarcas a ocupación nos establecementos hoteleiros foi do 62,5% no Salnés; do 67,6% na comarca de Pontevedra (superando o 75% na capital da provincia); do 59% no Morrazo; do 66,9% na comarca de Caldas; do 75,1% na comarca de Vigo (sendo do 75,5% na cidade de Vigo); do 69,1% no Baixo Miño; do 40% no Condado e A Paradanta e do 49,3% en Deza e Terra de Montes.
En canto aos establecementos de turismo rural, Carmela Silva detallou que en setembro a ocupación media na provincia foi do 40%, e do 66,2% foi a ocupación media provincial nos albergues. Pola súa banda, as vivendas turísticas superaron o 77,25% de ocupación media na provincia de Pontevedra e do 82% na primeira quincena de setembro.
PERFIL DO VISITANTE
Finalmente, a presidenta provincial deu a coñecer o perfil dos visitantes que acodiron ás oficinas de Turismo Rías Baixas. Neste eido, tratáronse de persoas españolas (80%) procedentes de Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia e Badaxoz. No caso das persoas estranxeiras (20%) viñeron dende Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido e Estados Unidos.
O 50% tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis (51%) de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, O Grove e Poio principalmente. A estancia media da maioría das persoas que visitaron as oficinas de turismo da provincia foi entre 7 e 15 días e o 40% viñeron ata as Rías Baixas motivados pola cultura, seguido do ocio (18%) e natureza (12%).
Relacionadas:
-
Os turistas que se aloxan en Pontevedra creceron un 15,1% en xullo e agosto
Por Redacción |
-
A ocupación hostaleira en Sanxenxo achégase ao récord do ano 2017
Por Redacción |
-
A provincia de Pontevedra rexistrou en agosto unha ocupación media do 83%
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pecha o mes de xullo cunha ocupación hostaleira do 70,4%
Por Oskar Viéitez |