A reformulación das liñas de transporte público, á espera da adxudicación por parte da Xunta
Por Redacción
Ignacio Maestro e Demetrio Gómez, director xeral e concelleiro de Mobilidade, mantiveron este xoves unha reunión para avanzar na negociación sobre o novo sistema de transporte público no municipio de Pontevedra.
Técnicos da Xunta e do Concello participaron tamén neste encontro no que se tratou a fórmula de transporte a demanda, que se propón desde o goberno local de Pontevedra.
O director xeral de Mobilidade explicaba que as liñas de autobús para Pontevedra se atopan dentro dun dos contratos licitados pola Xunta de Galicia.
Desta forma, será preciso que se coñeza a empresa á que se adxudique o contrato para abordar como se encaixan as propostas do goberno local neste proceso. Segundo a Xunta, ao tratarse dun servizo de competencia municipal, o Concello deberá asumir integramente o déficit de explotación que xeren estas liñas.
Ignacio Maestro indicou que deberá asinarse un convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta para establecer os termos de financiamento por parte da administración local destas liñas. O goberno galego ocuparase da xestión.
Desde a Xunta indican que se o Concello de Pontevedra decide adherirse ao sistema de transporte metropolitano de bonificación dos billetes, deberá asinarse un convenio diferente coa Xunta, centrado nas subvencións de tarifas aos usuarios.