A xuizo por violar na habitación de seus pais unha moza cunha discapacidade do 74%
Por Natalia Puga
Un veciño de Dozón enfróntase a unha condena de 13 anos de cadea por supostamente violar unha moza de 23 anos que "padece un atraso mental moderado e ten recoñecida unha minusvalía do 74% " e que era a súa veciña.
O acusado, M.G.C., séntase este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra imputado por un delito de violación a unha "vítima vulnerable por razón da súa discapacidade".
Os feitos remóntanse a xullo de 2009 e aconteceron na vivenda da propia vítima e, en concreto, no cuarto dos seus pais mentres estes estaban ausentes porque "estaban no campo faenando".
Segundo recolle a Fiscalía, o procesado entrou na casa da súa veciña a través da cociña e sorprendeuna "mentres limpaba feixóns". Ao parecer, agarrouna e con ánimo libidinoso levouna ao cuarto dos seus pais".
Os pais da moza "decidiron non denunciar o seu veciño" ata que volveu intentar entrar na casa
Unha vez alí, botouna sobre a cama, quitoulle a roupa, pechou con chave a porta da casa e atoulle ao colo un trapo na boca. A continuación, a peso da resistencia da moza, violouna, poñéndose antes un preservativo.
Segundo consta no relato dos feitos da Fiscalía, a moza relatou o acontecido a seus pais, pero estes "decidiron non denunciar o seu veciño". Os feitos si remataron no xulgado un ano despois, en maio de 2010, "ao intentar o acusado entrar novamente no domicilio".
O procesado non logrou entrar na casa porque a porta estaba pechada, pero os pais da moza (que agora ten 26 anos) denunciaron ante o "temor a novos desmáns".