Convocan unha marcha para reclamar a vía verde entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción
As asociacións de usuarios de bicicleta "Pedaladas" de Pontevedra, "Salinas de Ulló" de Vilaboa e "A Golpe de Pedal" de Vigo convocan para este domingo 21 de setembro unha marcha para reclamar a vía verde entre Pontevedra e Vigo aproveitando as vías do tren sen uso existentes entre ambas as cidades.
Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, estas asociacións farán diferentes roteiros a pé e en bicicleta desde Pontevedra, Vigo e Arcade con este propósito reivindicativo.
Aseguran que a día de hoxe estas vías atópanse totalmente abandonadas, "comezando a xerar incluso un problema de saúde pública e risco de incendio en zonas poboadas a parte de desaproveitar unha infraestrutura pública con capacidade para ser un lugar de lecer e motor económico e turístico".
Esta vía verde entre Pontevedra e Vigo conectaría Tomeza con Pontevedra, Figueirido co Toural e con Paredes en Vilaboa, Arcade con Paredes e con Cesantes, Cesantes con Redondela e Redondela con Cedeira, Rande e Chapela, Chapela con Teis e o centro de Vigo.
Entre outros argumentos tamén citan que: poñería en valor a Rede Natura na Enseada de San Simón, sería unha infraestrutura de baixo custo e formaría parte da futura e verdadeira rede galega de vías ciclistas e peonís.