Lores e Tino Fernández animan ás familias a escolarizar aos nenos en colexios do rural
Por Redacción & Cristina Saiz
Con motivo da volta ao cole dos máis pequenos, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde e concelleiro de educación, Tino Fernández, visitaron durante a mañá deste mércores o colexio de Verducido.
Tal e como explicou o alcalde, en todo o Concello produciuse unha volta ao cole con total normalidade, pero decidiron asistir ao colexio de Verducido para transmitir o seu apoio ás familias xa que as escolas do rural están sometidas a moitas dificultades debido á posibilidade de que a Xunta lles reduza o número de profesores pola baixa matrícula de alumnos.
É por iso, que tanto Tino Fernández como Lores, quixeron animar a todo o mundo a que escolarice aos nenos no rural, xa que é a única maneira de que estas escolas "subsistan e persistan como elemento asentador de poboación e elemento dinamizador das parroquias", comentou o socialista.
Pola súa banda, o alcalde aclarou a importancia de apoiar os servizos educativos e sanitarios da periferia da cidade "é unha forma de pensar que hai futuro para todo o rural de Galicia".
Finalmente, o concelleiro de educación declarou que os colexios están en perfecto estado despois das revisións realizadas durante todo o ano e durante o verán, e esperan que o número de alumnos aumente para así manter unha actividade para poder fixar a poboación nese patrimonio tan importante para Galicia.