Sanidade solicita a O Grove terreos para construír un novo centro de saúde
Por Redacción
As administracións están de acordo. O Grove precisa dun novo centro de saúde para atender de xeito axeitado as necesidades sanitarias do municipio. De aí que Sanidade veña de solicitar ao Concello a cesión de terreos para poder construílo.
Foi durante a xuntanza que mantiveron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde do Grove, José Cacabelos. En concreto, o goberno galego solicitou unha parcela de 3.500 metros cadrados para que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) constrúa o novo centro.
Nas próximas semanas convocarase un encontro entre técnicos do departamento de obras do Sergas e os técnicos do PXOM do Grove para traballar na redacción dun anteproxecto.
Así mesmo, na reunión entre o conselleiro e o alcalde abordáronse posibles fórmulas para cubrir as vacantes de profesionais sanitarios deste concello como consecuencia das xubilacións no cadro de persoal.
O Sergas comprometeuse a realizar un estudio de necesidades, coa fin de poder cubrir ditas xubilacións. Con todo, a administración sanitaria apuntou que O Grove ten unha media de médicos de familia e de pediatras moi bos, que, no caso de pediatría, concrétase en 662 nenos por pediatra, un dos mellores de Galicia e de España.