Cerdedo-Cotobade paga as facturas con apenas 21 días desde a súa presentación
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade paga as facturas nun prazo medio de apenas 21,10 días dende a súa presentación. Así foi no período correspondente ao segundo trimestre do ano.
"Estamos baixando constantemente os prazos dos pagos ás empresas e autónomos que traballan para o Concello e é algo que consideramos fundamental para que non teñan problemas de liquidez e financiamento", explicou o alcalde, Jorge Cubela, que lembrou que a cifra de pago medio a provedores foise reducindo progresivamente.
Cubela sinalou que "somos un concello serio e responsable, coas contas saneadas, con constantes superávits, que dá moitos servizos e que cumpre coas súas obrigas" e, engadiu o rexedor, que tamén se está mantendo, por terceiro ano consecutivo, a débeda cero.
Así mesmo, e segundo se recolle no informe oficial dos servizos económicos correspondente coa primeira metade do ano, certifícase o cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e tamén o da regra de gasto.
Todas estas cuestións déronse a coñecer, tal e como é preceptivo, no último pleno da corporación.