Os veciños de Lérez solicitan á Xunta melloras na seguridade viaria da parroquia
Por Oskar Viéitez
Un grupo de veciños da parroquia pontevedresa de Lérez solicitoulle o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, unha serie de melloras neste entorno, como o cambio de situación do primeiro paso de peóns na estrada a Campo Lameiro á saída da glorieta, para garantir a seguridade viaria, así como a instalación de iluminación nesta rotonda.
Cores Tourís sinalou que "trátase dunha obra da Deputación de Pontevedra, polo que falaremos con esta administración para trasladarlle a demanda".
Os veciños tamén aproveitaron a presenza do portavoz do PP na capital da provincia, Jacobo Moreira, para trasladarlle a súa preocupación polo estado de abandono no que se atopa o entorno do Mosteiro de Lérez que, nestes intres, se utiliza como aparcadoiro. Consideran que sería necesaria a súa humanización para evitar encharcamentos e problemas co lodo, xa que o terreo non está asfaltado.
Ademais, tamén solicitaron que se bachease o lugar de Casalnovo. "Varias persoas que viven neste lugar aseguran que o Goberno local nunca se preocupou de limpar e acondicionar ese tramo no que se atopan máis de 6 casas", explicou Moreira, quen asegurou que dará traslado destas queixas ante os responsables municipais.
O delegado territorial da Xunta visitou Lérez este martes para comprobar a execución da ampliación das obras de saneamento postas en marcha a partir do convenio firmado entre a Xunta de Galicia e o concello de Pontevedra.