O xeneral Romero Losada asegura que "no ha habido incendios en ninguna de las zonas donde ha patrullado la Brilat"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As Forzas Armadas desenvolven desde este 15 de agosto e ata o próximo 30 de setembro unha "operación de apoio" consistente en establecer un despregamento de patrullas e medios aéreos de vixilancia para contribuír á prevención de incendios forestais, é a denominada "Centinela Gallego".
O responsable militar desta operación é o Xefe da Brigada Galicia VII (Brilat), o xeneral Antonio Romero Losada que este mércores respondeu en rolda de prensa ás críticas pola contratación do exército por 500.000 euros só para "labores de vixilancia e disuasión" afirmando que, a diferenza dunha persoa particular, "nosotros lo hacemos durante las 24 horas del día, la ciudadanía llega un momento que se acuesta y nosotros seguimos vigilando durante toda la noche".
Segundo o xeneral Romero Losada os militares "aportamos un plus que no puede hacer cualquier ciudadano" e destacou que "la eficacia la demuestra la propia estadística" o que lle valeu para asegurar que "no ha habido incendios en ninguna de las zonas donde ha patrullado la Brilat".
"No somos todopoderosos", engadiu Romero Losada, aínda que conveu que "evidentemente la seguridad cien por cien de que no se va a producir un incendio nadie la puede garantizar".
Nesta presentación desenvolta na Base da Brilat en Pontevedra tamén participou o conselleiro de Medio Rural, José González, que abundou na resposta do xeneral Romero Losada afirmando que "se uniformes e coches do exército non teñen máis transcendencia que particulares vixiando os nosos montes algo falla" dixo respecto a a "sensación de autoridade moito máis intensa" que, ao seu xuízo, transmiten os militares.
"Lanzar unha advertencia clara aos incendiarios, imos a por eles"
Pola súa banda a subdelegada do Goberno, Maica Larriba incidiu en que é "fundamental" a súa presenza "para incidir na prevención" algo que cobra especial peso "nun contexto en que dous terzos dos incendios do verán son intencionados", afirmou.
Neste sentido, José González quixo "lanzar unha advertencia clara aos incendiarios, imos a por eles" e citou o despregamento de drons, vehículo aéreo non tripulado, cámaras de vixilancia ou o "teléfono anónimo de denuncia".
"Entre todos buscamos detectar actividade incendiaria para poder levar a estes delincuentes ante a Fiscalía", rematou en conselleiro.
27 PATRULLAS
O despregamento inicial da Operación Centinela Gallego é dun total de 27 patrullas, formadas por militares pertencentes a distintas unidades da Brilat e ao Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada (Ferrol). En función do nivel de esforzo, aumentaríase o número de patrullas ata un máximo de 50 no nivel alto e ata 75 no nivel moi alto.
Mantense a vixilancia aérea cun sistema aéreo pilotado por control remoto (RAVEN) que cubrirá, en sucesivos despregamentos, toda a zona de actuación.
En canto ao ámbito xeográfico onde intervirán, as patrullas realizarán o seu labor nun total de 33 municipios distintos, repartidos nun total de sete distritos forestais das provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense.
Tamén hai dous helicópteros en previsión de ser empregados no momento que a Xunta de Galicia solicitase ao Ministerio de Defensa un aumento do nivel de esforzo.
Relacionadas:
-
A Brilat volverá patrullar os montes este verán para loitar contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
A UME pecha o seu despregamento estival en Figueirido: "La mejor noticia es que este año hayamos tenido poca actividad"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Todos os ollos son poucos para loitar contra o lume: así funciona a célula de seguimento da Centinela Gallego
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat lánzase ao monte esta semana para sumarse á campaña contra os incendios
Por Natalia Puga |
-
Medio Rural atrasa este ano a presenza de militares nos montes na campaña de prevención de incendios
Por Natalia Puga |