A Garda Civil detén o sospeitoso do incendio dun coche que apareceu calcinado en Poio e atribúelle máis roubos na mesma noite
Por Redacción
A colaboración entre a Garda Civil e a Policía Nacional de Pontevedra permitiu deter a un veciño de Poio de 39 anos como presunto responsable do incendio supostamente intencionado dun vehículo que apareceu calcinado o pasado 1 de agosto nunha zona forestal de Fragamoreira.
O vehículo fora subtraído de madrugada en Cambados, coincidindo co inicio da Festa do Albariño, pero, antes de chegar a Fragamoreira, esa mesma mañá, fora detectado pola Policía Nacional no poboado do Vao. Unha patrulla tentou darlle o alto, pero nese momento deuse á fuga.
A detención produciuse durante a tarde deste mércores por mor dunha alerta recibida a través dunha patrulla da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra, ao informar de que tiñan localizada no Vao de Arriba á mesma persoa que se lles deu á fuga cando trataron de identificalo o 1 de agosto.
A investigación realizárona axentes da a Garda Civil de Pontevedra e Cambados, que lograron determinar que o agora detido está relacionado coa recuperación dun ciclomotor subtraído en Vigo que aparecera a madrugada do mesmo día en Cambados.
Ademais, concluíron que a mesma noite do 31 de xullo ao 1 de agosto cometeu diversos delitos. Supostamente tentou roubar un turismo no interior dun garaxe en Cambados, roubou o que logo apareceu calcinado en Poio e tentou roubar a un mozo ao que intimidou co casco da moto para que lle entregase o móbil e o diñeiro.
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra este xoves e decretouse a súa posta en liberdade provisoria en calidade de investigado por un total de 5 delitos contra o patrimonio (furto de ciclomotor, tentativa roubo vehículo, furto de roubo de vehículo de motor, tentativa de roubo con intimidación e danos) e outro de incendio forestal, ocasionado como consecuencia do lume do vehículo calcinado.