O tempo converte a Galicia nun país tropical
Por Redacción
"Vivo nun país tropical, bendicido por Deus, bonito por natureza, que marabilla… ", así di a famosa canción do compositor brasileiro Jorge Ben Jor e que estes días pode ser a banda sonora das Rías Baixas.
Irrompe en Galicia unha masa de aire cálido e húmido que sobe as temperaturas, deixando as mínimas por encima dos vinte graos en moitas zonas de Galicia. Calor e choiva, posto que ese aire quente que chega desde o Caribe virá acompañado de chaparróns.
A previsión de Meteogalicia di que este mércores quedaremos na influencia dun centro de baixas presións que se achega polo oeste de Galicia e que nos deixará unha xornada de ceos anubrados con choivas máis probables na franxa atlántica.
Durante a mañá do xoves os ceos estarán parcialmente cubertos con choivas febles e intermitentes na franxa atlántica. A partir do mediodía as choivas irán chegando a toda Galicia, con intensidade localmente forte.
O venres Galicia queda cun réxime de ventos do suroeste que deixará ceos máis nubrados na franxa atlántica, con chuvascos que se rexistrarán ao longo de todo o día, e ceos máis abertos no leste, con baixa probabilidade de precipitación. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán do suroeste moderados con intervalos fortes no litoral da provincia da Coruña e en zonas altas.
A inestabilidade seguirá durante a fin de semana.