A Xunta cita ao Concello o martes en Santiago para falar sobre o transporte público
Por Redacción
Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Transporte do Concello de Pontevedra, ten unha cita a próxima semana en Santiago de Compostela. O lugar elixido será o edificio administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano e o momento, o martes 6 as 12.00 horas ou, se non pode, o mércores 7 á mesma hora.
A cita é, en realidade, de momento, unha proposición. Proponlla a Consellería de de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a través dunha carta enviada este mesmo venres.
A Xunta de Galicia fixo pública a misiva este venres e explicou que o obxectivo da cita é iniciar un traballo común cunha reunión técnica para abordar a situación do transporte urbano, similar á que xa existiron meses atrás e terminaron sen entendemento.
A Consellería lémbralle a Demetrio Gómez que as actuais concesións de servizos de autobús interurbano de Galicia perderán a súa vixencia ao longo deste ano 2019 e, por ese motivo, a Xunta está inmersa nunha reordenación integral do mapa de liñas a través da elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia.
O obxectivo dese traballo é, segundo explica, cumprir coa regulamentación emanada da Unión Europea e acadar un sistema de transporte público "capaz de responder de xeito máis eficaz e eficiente ás necesidades dos cidadáns galegos ao longo da vindeira década".
O Goberno autonómico lembra que contar cun transporte público de calidade é un dereito básico dos cidadáns e un obxectivo estratéxico para as administracións públicas que necesita do traballo conxunto e coordinado das administracións con competencias na materia. Esas administracións son o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
A Xunta e o Concello desbloquean relacións sobre o transporte público e acordan impulsar un convenio para coordinar as competencias
Por Redacción |
-
A Xunta non ve "desenvolvida" a proposta de Pontevedra para o transporte a demanda
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Concello e a Xunta 'non se entenden' tras a reunión técnica do transporte público
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez |