Moraña destina 50.000 euros á urbanización exterior do antigo mercado
Por Redacción
O Concello de Moraña vai destinar unha partida de 50.000 euros para acometer a urbanización exterior da contorna do antigo mercado municipal, que afronta os derradeiros detalles da súa rehabilitación, co obxectivo de completar a mellora integral de todo este céntrico espazo urbano. Esta contía xa está habilitada despois de que o pleno municipal aprobara, na sesión celebrada onte á noite, unha modificación de crédito derivada do superávit orzamentario.
Con estes fondos, o goberno dirixido por Luisa Piñeiro ten previsto acometer a renovación das beirarrúas adxuntas a este emblemático edificio, a colocación de iluminación ornamental vertical dende o chan, a construción dun muro con xardinaría, a colocación de plantas e dunha barandiña na escaleira, a habilitación de prazas de estacionamento para persoas con discapacidade e carga e descarga e a nova sinalización, así como outros aspectos de mellora estética e mobiliario urbano.
Esta urbanización, que se executará nos vindeiros meses, permitirá rematar por completo a restauración integral da vella praza de abastos, na que xa se investiron máis dun millón de euros nos últimos meses co seu acondicionamento interior e coa reposición da cuberta con fondos procedentes da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.
O antigo mercado xa ten practicamente rematada a súa rehabilitación interior, orientada á súa reconversión nun moderno centro sociocultural e multiusos que dará cobertura ás moitas actividades da dinámica vida social do municipio. A actuación incluiu a restauración integral do edificio mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando un amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería.
Agora só resta por instalar o mobiliario e os equipos de luz e son así como completar o interior con algúns elementos decorativos.
Relacionadas:
-
A urbanización exterior do vello mercado de Moraña completará a súa rehabilitación
Por Redacción |
-
O novo centro sociocultural de Moraña abrirá en Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña habilita 14.000 euros para axudas culturais, educativas e deportivas
Por Almu Dapena |
-
A restauración do antigo mercado de Moraña rematará na primavera
Por Redacción |