Moraña instala carteis informativos en igrexas, carballeiras e enclaves de interese
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de completar a instalación da sinalización informativa de bens patrimoniais de valor histórico-cultural que beneficia a un total de 16 espazos de relevancia e interese xeral, entre os que se atopan igrexas, capelas, carballeiras centenarias, xardíns, fontes ou enclaves con gran potencial turístico.
Os 16 bens patrimoniais sinalizados son as igrexas de Santa Xusta, Santa Cruz de Lamas, San Martiño de Laxe, San Salvador de Saiáns, San Lourenzo, Cosoirado, San Mamede de Amil, San Pedro de Rebón e San Martiño de Gargantáns, a antiga Escola de Santa Xusta, as carballeiras de Santa Xusta e Corrigatos, as fontes de Santa Xusta e Rozavella e as capelas de Santa Margarida e dos Milagres de Amil.
O obxectivo deste investimento, cifrado en 6.500 euros e que conta cunha subvención da Deputación provincial, céntrase en solventar a actual ausencia de fitos informativos nos principais puntos patrimoniais de Moraña e en achegar datos sobre estas iconas a veciños e visitantes para favorecer o coñecemento da súa historia.
A actuación impulsada polo goberno local, que beneficia ás nove parroquias do concello, consistíu na instalación dunha infraestrutura co formato de mesa-atril elaborada con materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e integrada na contorna destes 16 espazos. Ademais, completouse cun vinilo en impresión dixital onde figuran fotografías e información sobre estes bens.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de supervisar a colocación destes fitos informativos e, tras amosar o seu convecemento de que serán de moita utilidade a veciños e visitantes, explicou que estes atrís "supoñen un chanzo máis na crecente atención ao turismo que estamos a prestar dende o Concello e servirán para seguir poñendo en valor e dando a coñecer a nosa gran riqueza patrimonial, cultural, paisaxística e natural".