O Sergas asegura que hai dispoñibilidade de camas en Pontevedra para atender calquera necesidade
Por Redacción
O SERGAS emitiu un comunicado para saír ao paso das denuncias que realiza o sindicato Prosagap e persoal de diferentes servizos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nos que se denuncia a saturación en Urxencias de Montecelo pola falta de camas en planta.
Segundo a Consellería de Sanidade, os hospitais públicos contan con dispoñibilidade de camas para dar resposta asistencial a calquera necesidade que xurda. Segundo sinalan, este domingo quedaban 11 camas libres de área médica distribuídas entre os hospitais Provincial e Montecelo, ademais de 4 camas de coronarias libres, 6 camas para coidados críticos, 15 de obstetricia, 28 de pediatría e 11 camas cirúrxicas, ademais doutras 38 camas libres no Hospital do Salnés.
Desde a Administración Sanitaria Pública Galega cuestionan o "rigor e a intencionalidade desas informacións" procedentes de fontes sindicais. Sinalan que o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para este verán en Pontevedra e O Salnés mantén operativos un 89% dos recursos asistenciais globais.
Os responsables sanitarios @de la Xunta apuntan que a xerencia mantén operativas 520 camas, o 87% do total, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), ademais de 108 camas no Hospital do Salnés, un 90% do total.
Por último lembran que se fose preciso todas as camas estarían operativas. Sinalan tamén que, como medida preventiva no caso de que a ocupación hospitalaria superase o 90%, a Dirección da área sanitaria ten previsto un plan de continxencia específico que dotará de persoal en menos de dúas horas todas aquelas camas que fosen precisas.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitará este luns o Hospital Montecelo para manter un encontro interno co persoal e representantes sindicais coa intención de ofrecerlles detalles sobre o proxecto do Gran Montecelo.
Relacionadas:
-
Pacientes e profesionais de Montecelo alertan do colapso en Urxencias
Por Redacción |
-
O "tapón" nas Urxencias de Montecelo, a debate no Parlamento de Galicia
Por Redacción |
-
Alertan da falta de persoal nos PAC's e de camas para ingresar pacientes de Urxencias nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
Visto e prace ao proxecto sectorial para a ampliación de Montecelo
Por Redacción |