Narco arousano, avogado famoso e un dentista metido a "cantante"
Por Oskar Viéitez
Cumpríronse todos os tópicos dos xuízos de narcotráfico: Unha organización galego colombiana, liderada por un fillo do narco arousano Orbáiz, un colector con 350 quilos de cocaína, picadas telefónicas, mesmo un avogado famoso, Gustavo Larraz, avogado que arbitra os laudos en De buena ley, reality de Telecinco.
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra acolleu este martes o xuízo contra José Luis Orbáiz Quintáns, que xa foi condenado por tráfico de drogas xunto ao seu pai a 3 anos de prisión en 2005 pola Audiencia Nacional. Xunto a el sentáronse no banco dos acusados tres cidadáns colombianos Luis Fernando Cuesta Pérez, Miguel Ángel Torres Romero e Gloria María Hernández Holguin.
Durante o xuízo Luis Fernando Cuesta, de profesión dentista, admitiu a súa participación nos feitos e involucrou a Orbaiz e Torres na organización dun transporte de cocaína dende algún país sudamericano ata Galicia. Algo que os demais acusados negaron tallantemente.
Segundo o dentista, en xullo de 2008, foi informado polos seus contactos en Sudamérica de que a droga ía ser cargada no buque Amanda, sen que a compañía CCNI que transportaba a carga legal soubese desta, e que ía realizar a súa ruta dende Sudamérica ata o porto de Marín, información que trasladou inmediatamente ao resto dos imputados, segundo testemuñaron os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira valéndose de numerosas escoitas telefónicas.
Os letrados da defensa dos demais procesados protestaron por esta declaración, concretamente o avogado Gustavo Larraz, preguntou ao dentista se recibira da Ficalía algunha oferta de redución penitenciaria, ao que o dentista respondeu que "si", mentres que o fiscal, Pablo Varela, negaba coa cabeza.
Este xesto sementou as dúbidas do dentista e do seu avogado o que levou ao presidente da sala, o maxistrado Antonio Berengua, a interromper a vista durante quince minutos "para que se aclaren las partes".
Aclaradas as posturas o xuízo retomouse e tras a confesión o Ministerio Público rebaixou a súa petición de penas para Luis Fernando Cuesta Pérez de oito a cinco anos de cárcere por colaborar coa Xustiza.
Ao elevar a definitivas as súas conclusións preliminares o fiscal retirou a acusación contra Gloria María Hernández, a parella de Miguel Ángel Torres.
Polo demais, o Ministerio Público solicitou para José Luis Orbáiz e Miguel Ángel Torres que lles impoña unha pena de nove anos de prisión e 40 millóns de euros de multa a cada un. O fiscal aplícalles a circunstancia agravante de reincidencia.