Un cento de alumnos fará prácticas en países europeos cun programa da Deputación
Por Redacción
Un total de 92 estudantes de Formación Profesional de 32 centros de Pontevedra poderán beneficiarse de estadías en países europeos para realizar prácticas laborais en empresas e institucións, a través da nova edición do programa Practicum Depo 2019.
Ademais, a través deste mesmo programa, unha ducia de docentes viaxará a Europa para afondar no seu coñecemento sobre os métodos e procedementos educativos que realizan nos países incluídos neste proxecto de mobilidade internacional.
Nesta cuarta edición do Practicum Depo, que durará 24 meses (ata maio do 2021), os destinos europeos nos que os alumnos de ciclos medios de FP realizarán as súas estadías serán Reino Unido, Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Romanía, Bulgaria, Polonia, Grecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos e Islandia e, como novidades, Chipre, Eslovaquia e Francia.
Estas 104 mobilidades teñen como obxectivo facilitar aos mozos e mozas que cursan FP a súa integración no mundo laboral a través destas prácticas en Europa, que se inclúen dentro da convocatoria de propostas 2019 do programa Erasmus+.
O presuposto da edición deste ano ascende a 672.278,40 euros, dos que 509.302 son aportados polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e os 162.976,40 euros restantes pola Deputación.
Relacionadas:
-
Só seis Erasmus de Pontevedra regresaron a casa pola crise do coronavirus
Por Redacción |
-
A Deputación e a Universidade de Vigo renovan o convenio para complementar as bolsas do programa Erasmus+
Por Oskar Viéitez |
-
A oficina do ORAL integra todos os seus servizos nunha nova páxina web
Por Redacción |
-
A Deputación lanza 28 cursos de formación para desempregados
Por Redacción |