Alarmas nocturnas polo incendio nun cadro eléctrico e a caída de baldosas dun edificio
Por Redacción
Efectivos do Corpo de Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra tiveron senllas intervencións ao longo da pasada madrugada no centro da cidade por un lume nun cadro eléctrico e a caída de baldosas da fachada dun edificio.
A intervención dos axentes municipais realizouse tras recibir chamadas veciñais alertando de que caera unha baldosa da fachada dun edificio da rúa Filgueira Valverde. Os axentes desprazáronse ao lugar e comprobaron que era unha peza de granito que se precipitara da zona alta do edificio número 8, que ten unha parte en obras.
Os axentes procederon a acordoar a zona para garantir a seguridade de veciños e viandantes e regresaron á rúa en cuestión sobre as 12.00 horas deste domingo. Un técnico especialista subiu cunha grúa para asegurar o resto de baldosas e os policías manteñen a zona acordoada. A principal incidencia foi que afecta á entrada do aparcadoiro público Venezuela.
A intervención dos bombeiros produciuse sobre as 01.50 horas da madrugada no rúa 112. Os efectivos recibiron unha alerta do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia-112 porque un cadro eléctrico situado na fachada dun edificio explotara.
Os bombeiros dirixíronse ao lugar, na rúa Isabel II, e para controlar a situación tiveron que cortar a subministración de electricidade. Extinguiron as lapas do cableado sen dificultades, pero a intervención causou gran balbordo no casco histórico debido a que se trata dunha rúa moi transitada nas madrugadas das fins de semana.