VIDEO.- Cortan a rúa Andrés Muruais pola caída de lousas dun edificio
Por Diego Torrado
A Policía Local de Pontevedra cortou o tráfico na rúa Andrés Muruais para facilitar o traballo dos bombeiros tras a caída dunhas lousas dun edificio.
Os efectivos de emerxencias tiveron que empregar a escaleira do camión para poder acceder ata a sexta planta do inmoble de cuxa fachada se desprenderon algúns elementos que se precipitaron á vía pública.
Aínda que a rúa Andrés Muruais ten moito tránsito peonil e o baixo do edificio afectado acolle unha panadería non se rexistraron danos persoais.
O incidente tivo lugar sobre as 18:30 horas deste luns.
Ao rematar o traballo dos Bombeiros, a rúa quedou de novo aberta á circulación rodada.