Marín e Sanxenxo súmanse aos actos do Día do Orgullo LGTBI
Por Redacción
Os actos con motivo do Día do Orgullo LGTBI multiplicáronse este venres ao longo da comarca, e entre eles estiveron os protagonizados en Marín e Sanxenxo.
Na segunda destas localidades inaugurouse o pintado dun banco "contra a transfobia", decorado coas cores da bandeira LGTBI que está situado fronte ao Pazo Emilia Pardo Bazán.
Nese acto participaron, ademais do alcalde Telmo Martín, a asociación Crysallis coa lectura dun manifesto. Tamén a Banda de Música de Sanxenxo realizou unha pequena actuación cun cuarteto de saxofón.
Pola súa banda o Concello de Marín sumouse ao Día do Orgullo colgando como en anos anteriores a bandeira multicolor na Finca de Briz, sede dos servizos de Igualdade e Benestar Social. O municipio celebrou a xornada baixo o lema "os concellos galegos pola sensibilización sobre a diversidade sexual".