"Balón de osíxeno" para a Policía Nacional coa incorporación de novos axentes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O secretario federal territorial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, Roberto González, valorou positivamente a incorporación de novos axentes da Policía Nacional ás comisarías galegas. O próximo día 16 de xullo incorporaranse 150 axentes en prácticas dunha promoción de 3.200 persoas.
Tamén nos próximos días chegarán os axentes de Policía que veñen trasladados a Galicia do concurso xeral de méritos que "grazas á nosa presión" van ser unhas 133 persoas das que 111 son policías, 11 subinspectores e 11 oficiais.
Estes axentes xunto aos que están en prácticas "serán un balón de osíxeno para pasar os próximos meses de verán", indicou Roberto González.
O secretario federal do SUP en Galicia sinalou que a situación do persoal da Policía Nacional nesta Comunidade autónoma presenta un 20% de déficit, o que ao seu xuízo "é bastante elevado", aínda que engadiu que "esperamos que nos próximos anos sigamos nesta liña de cubrir prazas".
Mentres tanto, a alternativa que propón o SUP para cubrir estas vacantes durante a tempada estival é acudir aos "servizos extraordinarios", para que os funcionarios libre de servizo poidan prestar eses labores de prevención e investigación nos días de maior afluencia de persoas.
PONTEVEDRA, VIGO, MARIN E VILAGARCÍA
No caso da Comisaría de Pontevedra chegarán o próximo mes de xullo 25 axentes en prácticas e incorpóranse 14 policías máis mediante o novo concurso xeral de méritos. En Vigo incorporaranse 30 axentes en prácticas e 24 trasladados a través do citado concurso. En Marín son 5 de prácticas e 4 trasladados, e en Vilagarcía 6 en prácticas e 4 trasladados.
O Sindicato Unificado de Policía levaba tempo alertando "dun feito que non debe producirse na seguridade pública" como é a inexistencia dunha taxa de reposición estable das prazas vacantes. "Nós o que pedimos é que se convoquen as prazas dos axentes que se xubilan", lembrou Roberto González insistindo en que "a situación económica ou política non marque esas convocatorias" de prazas.
O SUP valora que desde hai dous anos as convocatorias están a ser "aceptables" e sinalou que a última Oferta de Emprego Público para a escala básica da Policía Nacional son 2.500 prazas.