O fiscal pide 25 anos de cárcere para o atracador acusado de matar un garda civil na Cañiza
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para os días 17, 19 e 20 de xuño o xuízo contra unha banda viguesa polo atraco mortal da Cañiza (Pontevedra) no que faleceu un garda civil.
A fiscalía solicita un total de 25 anos de cárcere para o principal acusado, José Vilar Casal, autor confeso dos disparos que en agosto de 2010 remataron coa vida do axente Jorge Piñeiro e que feriron de gravidade o seu compañeiro.
Concretamente o fiscal solicita 12 anos e 8 meses de cárcere polo homicidio do garda civil; 8 anos por tentativa de homicidio ao seu compañeiro, o cabo Alfonso José Riveiro; un ano e 11 meses por roubo con violencia e intimidación en grao de tentativa e tres anos por tenza ilícita de armas.
En concepto de responsabilidade civil a Fiscalía solicita que José Vilar indemnice a viúva do axente falecido en 108.846 euros e cada un dos tres fillos menores do matrimonio a 45.352 euros.
Os outros acusados son José Ángel Martíns Mendoza, alcume "Peke", que acababa de saír de prisión cando sucederon os feitos en agosto de 2010, e Fernando Condines. Ambos os dous enfróntanse a tres anos de cárcere por tenza ilegal de armas e un ano, 11 meses e 29 días de prisión por roubo con violencia en grao de tentativa.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público os tres acusados "concertáronse para apoderarse do diñeiro da caixa de seguridade, da sucursal que a entidade bancaria Caixa Galicia" tiña na localidade da Cañiza, que por aqueles días celebraba a Festa do Xamón. Tras abrir un butrón dende o edificio lindante, segundo o relato do fiscal, a alarma silenciosa da entidade disparouse alertando a Garda Civil.
Ao ser descubertos pola patrulla da benemérita, José Vilar sorprendeu o cabo apuntándoo á cabeza. "Déjame marchar y aquí no pasa nada", díxolle o atracador. Segundo o relato do fiscal, "o axente, ante a actitude de José Vilar monta a súa arma, bota a lanterna e aparta a arma do procesado coa súa man esquerda, momento en que o procesado coa intención de menoscabar a integridade física dos axentes dispara cara a onde se encontraba o axente e o seu compañeiro,".
"Tratando de reducir ao procesado, o cabo accionou a súa arma regulamentaria disparando contra José Vilar ao que consegue alcanzar no colo", se ben este en lugar de cesar na súa actitude, "en grande estado de excitación" di, "cabrón me has dado en la garganta" e volve disparar repetidamente cara aos axentes, alcanzando en tres ocasións o garda civil, Jorge Piñeiro, mentres o cabo intentaba reducilo.
Finalmente o cabo capturouno, esposouno no coche oficial e acudiu a auxiliar ao seu compañeiro, que xa falecera.
Os outros atracadores, Martíns Mendoza e Condines fuxiron e foron detidos horas despois.
Relacionadas:
-
Os atracadores da Cañiza piden perdón á viúva e aos orfos do garda civil falecido
Por Oskar Viéitez |
-
'El Peque' que revolucionou o Avelino Montero enfróntase a 25 anos máis de cárcere
Por Oskar Viéitez |
-
O atracador que matou un garda civil asegura que os seus disparos foron fortuítos
Por Oskar Viéitez |