VÍDEO.- Dúas rapazas, rescatadas nunha zona acantilada da praia de Pragueira
Por Redacción
Dúas nenas foron rescatadas na tarde deste Venres Santo na zona acantilada da praia de Pragueira, no municipio de Sanxenxo. Segundo a información facilitada polo servizo do 112 Galicia e polo Concello de Sanxenxo, as dúas menores, de ao redor de 14 anos, naturais de Madrid, atopábanse xogando nas rochas cando se viron sorprendidas pola subida da marea.
Ao redor das 16.00 horas, as nenas econtrábanse incomunicadas e sen opcións de regresar ao areal, onde saltou a alarma. Unha embarcación do Club Náutico achegouse á zona e o servizo do 112 Galicia puxo en marcha un operativo coa colaboración do servizo de Gardacostas de Galicia, dos efectivos de Salvamento Marítimo, da Garda Civil de Pontevedra, da Policía Local e dos integrantes do GES e do servizo de Emerxencias de Sanxenxo logrouse acceder ata a zona na que se atopaban.
Aínda que o acceso era dificultoso con ademais forte marexada, os servizos de emerxencia lograron con Gardacostas trasladar ás menores ata unha embarcación, que as conduciu ata o peirao de Portonovo onde se atopaba as 061-Urxencias Sanitarias. A pesar do susto, as dúas nenas atopábanse en bo estado de saúde, segundo a información do 112 Galicia.