Nova vida para cruceiros e petos de ánimas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade finalizou unha nova fase do seu plan municipal de recuperación e mellora de bens patrimoniais no medio rural.
A través deste plan executáronse actuacións nas parroquias de Caroi e Augasantas restaurando cruceiros e petos de ánimas de valor histórico, cultural e turístico.
As actuacións realizadas nestes monumentos consistiron no seu arranxo, xa que o paso do tempo e a climatoloxía provocou desprendementos das súas pedras, e a limpeza xeral de todo o conxunto.
Traballouse nos cruceiros de Caroi e do lugar da Coutada, na parroquia de Augasantas, e no emblemático peto de ánimas na Godela, tamén pertencente a esta parroquia e situado nas proximidades da ponte de San Lourenzo.
O goberno local deseña agora novos proxectos de rehabilitación de monumentos e bens histórico-patrimoniais, abundantes en todo o termo municipal.